Sunday 19 de May de 2024

Nicky Jam e Jason Derulo encabezan o cartel do Morriña Fest 2023, que se celebrará nos peiraos de Batería e Calvo Sotelo os días 28 e 29 de xullo


O Morriña Fest, que se celebra por segunda edición consecutiva na Coruña, chega este ano ao Porto, que colle o relevo do estadio municipal de Riazor.

As entradas sairán á venda o vindeiro xoves 13 de abril “A experiencia do ano pasado afianzou á Coruña como unha das cidades de referencia no eido musical ao noroeste do país, e o noso obxectivo é reafirmar e incluso potenciar esa condición neste 2023”, apunta Inés Rey

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá a nova edición do Morriña Fest, que volve este verán á Coruña por segundo ano consecutivo. Será os días 28 e 29 de xullo, cos peiraos de Batería e Calvo Sotelo como novos escenarios dun festival que, tal e como se amosou hoxe, neste primeiro avance do festival, contará cos artistas Nicky Jam e Jason Derulo como dous dos principais cabezas de cartel.

Tras a experiencia do ano pasado, no que máis de 50.000 persoas asistiron ás dúasxornadas do Morriña Fest no estadio municipal de Riazor, o Porto da Coruña substitúe o recinto deportivo e ábrese á realización dun evento que, como apuntou a rexedora, “volverá contar cunha ampla variedade de artistas de todos os xéneros, con grandes artistas internacionais”.

Desta forma, o Concello, coa colaboración da Autoridade Portuaria, dá continuidade á apertura progresiva dos terreos portuarios á cidadanía. “A medida que o tráfico de mercadorías se vai trasladando, pouco a pouco, a Punta Langosteira, vaise facilitando a recuperación dos peiraos interiores. A identidade da Coruña é a dunha cidade aberta, ao mar e á cultura. Por iso, entendemos que a fachada marítima é un espazo privilexiado para realizar todo tipo de eventos e actividades”, subliñou a alcaldesa.

Ademais de Nicky Jam, Jason Derulo e Iván Ferreiro, o Morriña Fest 2023 contará coa participación da banda indie norirlandesa Two Door Cinema Club —coñecida por grandes éxitos como What you know ou Are we ready?—, e o rapeiro Rels B. Tamén está confirmada a presencia do cantante venezolano Danny Ocean, as bandas Sidecars e Shinova, as artistas argentinas Lali Esposito e Emilia Mernes, a rapeira portorriqueña Villano Antillano e os deejays Les Castizos.

Dentro do amplo abano de xéneros musicais presentes no Morriña Fest 2023, cobran relevancia novas referencias das músicas urbana e electrónica, así como do pop alternativo.
Talentos emerxentes como Aleesha e Samuraï estarán na edición deste ano, no que haberá espazo para artistas galegos como Berto, Eva B e o coruñés Javi Chapela.

Ao cartel desta edición iranse sumando máis artistas e agrupacións, que se irán desvelando proximamente, segundo se acheguen as datas da celebración, e as entradas para o Morriña Fest poderanse mercar a partir do vindeiro xoves 13 de abril.

“A experiencia do ano pasado afianzou A Coruña como unha das cidades de referencia no eido musical ao noroeste do país, e o noso obxectivo é reafirmar e incluso potenciar esa condición neste 2023, amasando de novo a capacidade da nosa cidade para acoller grandes eventos como o Morriña Fest”, apuntou Inés Rey.

Ademais da alcaldesa, na presentación do Morriña Fest 2023 tomaron parte Juan Martínez,responsable de patrocinios musicais de Hijos de Rivera – Estrella Galicia; Álvaro Yáñez, co-director do Morriña Fest; e Gonzalo Trenor, delegado territorial da Xunta na Coruña.

A apertura do Porto á celebración do festival

A mediados de marzo, o Concello e a Autoridade Portuaria acordaron que, durante este verán, os peiraos interiores do Porto se abrirán a realizar eventos musicais e culturais.

Ademais do Morriña Fest, xa están confirmadas as datas dos concertos da mítica banda alemá de heavy metal Scorpions (13 de xullo) e Marea (22 de xullo).
“Dámoslle, desta forma, continuidade a unha folla de ruta que xa permitiu, o ano pasado, a incorporación do peirao de Transatlánticos ao abano de localizacións do Festival Noroeste.

Tamén no verán de 2022, no peirao de Batería, tivo lugar a realización do ciclo de concertos das Noites  do Porto, que na súa segunda edición lle fixeron gozar á cidadanía co talento de artistas como Jorge Drexler e James Rhodes”, lembrou Inés Rey, que tamén agradeceu a colaboración da Dirección Xeral de Turismo na organización do festival.